Realcode

Acerca de Real Code

A comunicación é un importante eixo transversal sobre o que asenta a realidade social. A comunicación pode favorecer melloras na calidade de vida da sociedade. A comunicación tamén é participación e toma de decisións. É tamén fundamental na construción de elementos da realidade social como a política,  a economía  e a cultura. Unha construción que debe ser compartida por toda a sociedade en diálogo permanente. A comunicación é, por tanto, un "ben común", un dereito do que todas as persoas deberían desfrutar.


A noción de desenvolvemento require dunha redefinición que permita a súa aplicación ao actual contexto social mundial. Na base do concepto, asumimos a débeda coa experiencia latinoamericana, tanto na rica experiencia social como na xeración de coñecemento e de instrumentos de análise do desenvolvemento.


Alén da sua aplicación ao eido da cooperación, o espazo social europeo, e especialmente os espazos fronteirizos atravesados por fluxos culturais e comunicativos susceptibeis de xerar dinámicas particulares de desenvolvemento, serán tamén obxecto de análise por parte da Rede.


Desde a REAL_CODE pretendemos recuperar a comunicación e o desenvolvemento como elementos claves na elaboración dunha cartografía da realidade social. Este mapeo sustentarase na cadea de coñecemento formada por catro elementos de análise: espazos, actores, conflitos-procesos e representacións. O mapa resultante fornecerá de materiais que fagan viabeis novas propostas en común para a resolución de problemas sociais e comunicativos.